Saturday 04 de May de 2024

Regresa o Trofeo Internacional de Halterofilia Cidade da Coruña na súa XXIV edición


O pavillón dos Rosales congregará o sábado a partir das catro da tarde as/os mellores atletas do momento desta especialidade

A concelleira de Deportes, Mónica Martínez, presentou esta mañá no salón de plenos de María Pita o XXIV Trofeo Internacional de Halterofilia Cidade da Coruña que se disputará no pavillón dos Rosales este sábado, 3 de xullo.

Acompañada polo secretario da Federación Española de Halterofilia, Juan Lama, o presidente da Federación Galega de Halterofilia, David Losada, e o presidente do Club de Halterofilia da Coruña, Francisco García, a edil anunciou “un clásico do calendario deportivo coruñés, polo que pasaron decenas de medallistas europeos e mundiais”.

A concelleira de Deportes deu a benvida ás expedicións de Dinamarca, Alemaña, Lituania, Hungría, Eslovenia e Portugal, e agradeceu a presenza tamén dos deportistas distribuídos nas seleccións de Galicia e España. A edil fixo unha mención especial ao Club de Halterofilia Coruña “unha das entidades máis destacadas da nosa cidade, guiada maxistralmente desde hai moitos anos por Ferenc Szabo, director técnico da federación galega”. “Este club non deixou de aumentar o seu excelente palmarés nun ano de grandes dificultades. Desde outubro, só en campionatos de España, o club coruñés conseguiu 99 medallas”, sinalou.